domingo, 24 de mayo de 2009

Artigo no xornal LA VOZ DE GALICIA


http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/05/24/0003_7737845.htm

de tal pau, tal acha | maría dolores hermida e francisco castro Unha familia de campionato
Nai e fillo compartiron cada día, ao longo de varias décadas, un montón de horas de traballo, pero sobre todo moita ilusión por sacar adiante o negocio

Autor:
Vanessa Lagares
Fecha de publicación:
24/5/2009

A existencia desta familia noiesa, aínda que parte das súas orixes se atopan no municipio de Lousame, está ligada dende hai case oitenta anos á vida comercial do municipio. María Dolores, a acha, procede dunha saga de emprendedores que incluso nos anos máis difíciles non dubidaron en tirar para diante coa tenda.
Todo comezou no ano 1930, cando os pais de María Dolores Hermida, Francisco e Teresa, montaron un establecemento de curtido de peles na rúa Montero Ríos, no cal non só se vendían os produtos que este home realizaba, senón que tamén era alí onde se fabricaban.
«Este negocio deu de comer non só á familia máis directa, senón que grazas a el se puido axudar a veciños e familiares nos difíciles anos da posguerra», conta Francisco Hermida. Ao parecer, o seu avó, que tiña unha xenerosidade fóra do común, axudou a moita xente que nese momento non o estaba pasando nada ben.
Outra das cousas que esta familia destaca é que, naquela época na que Noia era o centro comercial por excelencia da comarca, traballaban toda a semana, «incluídos os domingos pola tarde, tendo incluso que comer na propia tenda», di María Dolores Hermida, antes de aclarar que o seu pai loitou duramente para conseguir que os comercios pecharan os domingos pola tarde, o que resultou moi difícil.
Ampliación de miras
Corenta e catro anos máis tarde, e xa cando María Dolores Hermida estaba casada, ela e o seu home, Manuel Castro Martínez, transformaron o negocio orixinal, ampliando o número de artigos que estaban a disposición dos usuarios. Así pois, ademais de elementos de pel e artigos de regalo tales como maletas, billeteiras ou bolsos, na tenda tamén se podía atopar material deportivo e bixutería.
Na década dos oitenta, concretamente en 1987, o matrimonio abriu un novo establecemento na rúa Luis Cadarso. A diferenza da súa primeira tenda, a que fora montada polo avó de Francisco, esta xa estaba dedicada soamente a material deportivo. A medida que a maneira casual de vestirse da xente e a práctica xeneralizada de deporte ían gañando terreo, a familia decidiu dedicar as dúas tendas exclusivamente á venda de material deportivo. Corría daquela o ano 1995.
Durante estes anos, ademais do matrimonio fundador e dos empregados, tamén aportaron o seu traballo e o seu enxeño ao establecemento -ao tempo que o compatibilizaban cos seus estudos- os seus fillos: Manuel, Antonio e Francisco.
Foi hai catro anos cando un dos seus fillos, Francisco Castro, enxeñeiro forestal e que estivo traballando na Xunta, decidiu tomar o relevo xeracional e asumir a xestión da empresa, continuando así coa tradición familiar. Xa da súa man, reformáronse os locais comerciais, incorporáronse novas marcas co obxectivo de adaptarse ás demandas do mercado actual e abriuse un novo punto de atención ao cliente na rúa Fray Luis Rodríguez, o cal está especializado en roupa e complementos para neno e muller.
Ao mesmo tempo, o negocio abriu as súas portas ao mercado internacional a través da súa páxina web www.deporteshermida.com, dende a que vende material a todo o mundo, sobre todo produtos moi concretos.

No hay comentarios: